domingo, 29 de noviembre de 2020

CoIDÁNDoTE, coIDÁNDoNos


Durante o presente curso imos traballar nun proxecto titulado: “Coidándote, coidándonos”, centrado na Saúde.

Queremos aproveitar as estratexias que estamos a desenvolver nas aulas en relación coas medidas de prevención e seguridade establecidas no Protocolo Anti-Covid para ampliar o tema e traballar a Saúde desde os tres eidos recollidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS): saúde física, saúde psíquica ou mental e saúde social, e non só como a ausencia de enfermidades.

A Educación para a Saúde contémplase no currículo escolar como un tema transversal, introducíndose nas aulas aproveitando as situacións cotiás e as experiencias concretas xurdidas; deste xeito podemos evocar: a hixiene de mans, o calendario de merendas saudables, a cura de feridas leves, as situacións de xogo simbólico relacionadas co ámbito sanitario, a expresión das emocións, a importancia de establecer relacións equilibradas co grupo de iguais... entre outras.

Partiremos do que xa sabemos para seguer proporcionándolles aprendizaxes significativas e funcionais, aprendizaxes para a vida. Partiremos entón do coñecemento do propio corpo para ir introducindo de xeito progresivo novos contidos, á vez que afondamos no xa aprendido, cunha metodoloxía que vaia do máis próximo ao máis lonxano, do máis concreto ao máis abstracto, tendo en conta o desenvolvemento dos esquemas do alumnado infantil.

Nun tema tan rico e amplo, non queremos esquencer a importancia do factor social. Estamos a vivir unha crise sanitaria que pon de relevancia a repercusión das accións individuais no colectivo, a necesidade de coidarnos para protexer aos demáis e á súa vez ponse de manifesto o papel do grupo no benestar persoal.

Esquema corporal, autoconcepto, autoestima e identidade sexual serán contidos fundamentais neste proxecto, pois constitúen aspectos fundamentais no desenvolvemento posterior e o traballo nas aulas desde idades temperás evitará sen dúbida posible situacións de acoso e/ou dificultades de socialización no futuro, contribuíndo a unha sociedade máis libre, respectuosa, responsable e tolerante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario